Se aínda non tes plans para o próximo festivo propoñémosche recuperar unha vella tradición galega: ir á Feira dos santos. Ten lugar en Monterroso (Lugo) e lévase celebrando dende fai máis de 500 anos. Vaste perder esta cita?
A feira dos santos ten lugar o 1 de novembro na vila luguesa de Monterroso. Trátase dunha feira na que se concentran máis de 1000 vendedores ambulantes de toda Galicia e que acoden a esta cita para ofrecer produtos de todo tipo: roupa, calzado, utensilios de ferretería, artigos de madeira e de mimbre e outros produtos autóctonos propios desta tempada: queixos de Ulloa, xamóns curados, chourizos, castañas, noces,… Ó igual que en todas as feiras, na de Monterroso tampouco faltan as carpas de pulpeiras coas exquisitas racións de polbo á feira ou carne ó caldeiro.
Diversos estudos revelan que a feira dos santos de Monterroso ten lugar dende fai máis de cincocentos anos asegurando que é un dos encontros comerciais máis antigos de Galicia. Na súa orixe serviu como punto de encontro para os comerciantes do gando cabalar e mular procedentes de calquera punto do territorio galego. Aquí pechábanse os tratos antes de que estes animais prenderan rumbo a Castela para cultivar os campos.
Esta importante cita comercial declarouse no ano 2011 festa de interese turístico galego e a súa popularidade demóstrase na cantidade de xente que acode a este evento. O pasado ano, máis de 150.000 persoas acudiron á feira dos santos de Montorreso.
Se o tempo a acompaña, seguro que este ano volverá a bater récords.
Se ti viras o que eu vin
na feira de Monterroso
vintecinco sastres xuntos
a cabalo dun raposo.
O post A feira dos santos de Monterroso aparece de primeiro en Equipaxe de Man.